O fotoperiodismo é unha peza fundamental da comunicación social, máis aló de que se crea que unha imaxe vale máis que mil palabras ou non. A última sesión do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional 2022 organizado por AGARESO e ACPP foi protagonizada pola fotografía social e dous dos seus máximos expoñentes: Anna Surinyach e Mingo Venero.

Venero é fotógrafo documental, cunha linguaxe visual moi característico; Surinyach é editora e fotoperiodista da revista 5W, un dos referentes xornalísticos da actualidade. A sesión, dividida en dous partes, transcorreu entre relatorio e debate sobre a ética, o curso que está a tomar a fotografía e a importancia de ser independente e un pouco todoterreo.

Mingo Venero traballou moito a pobreza infantil, moitas veces da man de onegés, co que el denomina como “ensaios fotográficos”: fotografía cunha idea detrás. A pesar de que sabe que a fotografía clásica e a artística están a achegarse, Venero prefire seguir sendo fiel á fotografía clásica en branco e negro como selo de identidade.

A fotografía non só debe transmitir, tamén debe contar historias e realidades, principalmente cando falamos de fotografía social. Venero constrúe os seus relatos a través desta regra, facendo que fotografías aparentemente inconexas acaben cun discurso condutor. “Ao final a fotografía é escribir con luz”, equiparando así a fotografía á narración ou a escritura.

Anna Suriyach tamén se centra na construción de historias e para ela é tan importante saber contar a historia como atopar a historia. Como nas sesións anteriores do Seminario nas que participou recalca que “hai que apostar por unha historia, non ir nos tours de prensa”.

A súa experiencia, esta vez, vén moi marcada polos seus recentes traballos en Afganistán e Ucraína, dándolle unha perspectiva moi clara do que quere e non quere a nivel persoal e profesional. Fai fincapé no importante que é ter un orzamento económico antes de emprender a viaxe: “Hai que pensar sempre no curto, no medio e no longo prazo dentro dun proxecto”.

Á hora de preparar unha viaxe e atopar temas é importante buscar referentes e tentar coñecer o máximo posible o terreo antes de chegar ao destino. Aínda así, a medida que coñeces xente que che conta a súa historia o relato que ti querías construír pode cambiar. É importante a adaptabilidad e estar en contacto con medios de comunicación e onegés que lles poida interesar diversos temas.

Surinyach é consciente de que o traballo que fan tanto ela como Venero non é fácil, e así o transmite. Escoitando as vivencias de ambos poderiamos describilo como un traballo sacrificado e enriquecedor. A maioría das veces mesmo precario, no que cada vez se esixe que manexes máis disciplinas. “Os que seguimos nisto é porque somos uns currantes, e non só de facer fotos, senón de todo o proceso”, sentenza Surinyach.

Tras as catro horas de sesión cos dous relatores na aula queda un ambiente de asombro. O alumnado, co tempo xusto, trata de seleccionar unha das centos de preguntas que teñen, tras escoitar tal cantidade de anécdotas ao redor do mundo.