Exposición

Mira ti

A exposición Mira Ti é un circuíto de xogos que presenta desafíos ao alumnado para que pense por si e busque solucións aos problemas que se lle expoñen.

Descubrir, experimentar e actuar son as tres palabras chave da exposición. Seguindo a consigna “estimular ás persoas para pensar, non ensinarlles o que hai que pensar”, establécese unha relación significativa entre a percepción que o alumnado ten da súa contorna e algúns fenómenos sociais, entre eles a discriminación.

A exposición consta de doce paneis que conteñen imaxes, xogos e actividades que profundan en conceptos como os prexuízos, os estereotipos e a discriminación. 

Obxectivos:

  • Descubrir, experimentar, reflexionar e tomar conciencia dos mecanismos que conforman os prexuízos, estereotipos e xeneralizacións presentes na nosa sociedade.
  • Facilitar o desenvolvemento e fortalecemento de coñecementos, aptitudes e capacidades para a convivencia pacífica e respectuosa.
  • Favorecer o desenvolvemento de actitudes para a comprensión da diversidade.

Desenvolvemento da actividade:

A exposición consta de doce paneis, dous introdutorios sobre o contexto actual e a tarefa que desenvolve  ACPP e dez paneis organizados en bloques temáticos. Os paneis conteñen imaxes, xogos e actividades que seguen unha orde para facilitar a comprensión de diversos conceptos: os prexuízos, os estereotipos e a discriminación.

Os bloques temáticos son:

  1.   Non todo é o que parece: o alumnado descobre que observando as mesmas cousas, cada quen as pode ver de forma distinta. Experiméntase o feito de que todas as persoas somos distintas e á vez parecidas.
  1.   Verdade ou mentira: esta actividade debe animar ao alumnado a non aceptar as cousas sen pensar e axudarlles a comprender que hai excepcións nas regras.
  1.   O recuncho de pensar: o alumnado pode identificar que son os estereotipos mediante o diálogo individual e colectivo, ademais de observar a diversidade da sociedade. 
  1.   Feito ou opinión: consiste en completar dúas actividades onde o alumnado debe diferenciar os feitos das opinións e reflexionar sobre o dereito á liberdade de opinión e expresión.
  1.   Tod@s menos eu: o alumnado descobre como se forman os estereotipos. Algo que é certo para moitos, non implica que o sexa para un mesmo.
  1.   Os prexuízos: trátase o concepto e como refutalo, identificando se se emitiu un xuízo de valor sen un exame previo ou sen o coñecemento de toda a realidade.
  2.   A discriminación: trátanse os diversos tipos de discriminación, por razón de procedencia, xénero, raza, aspecto físico e outras características culturais.

A metodoloxía para traballar con cada grupo depende da idade do alumnado e da creatividade da persoa que dinamice a actividade. O rol do profesorado é o de acompañar ao alumnado e guialo, establecendo o marco contextual de cada panel e fomentando o espírito crítico do grupo. Para o alumnado, disponse dun caderno para recoller as respostas ás cuestións e xogos que se propoñen. Ao acabar o percorrido pola exposición, proponse unha posta en común das opinións e reflexións do grupo, establecendo un diálogo contorna aos temas tratados.

Destinatarios e destinatarias

Este recurso pode ser adaptado para alumnado de últimos cursos de Primaria e para alumnado de primeiros cursos de Secundaria. Poden participar nas actividades o profesorado, adoptando o rol de dinamizadores, e demais persoal educativo que as pode traballar conxuntamente cos nenos e nenas e tamén familiares do alumnado.