A teteira de Kabul é un conto editado por ACPP para traballar co alumnado arredor da construción de paz e a experiencia migratoria. É unha ferramenta facilitadora do diálogo na aula ao redor de catro conceptos: persoa refuxiada, solidariedade, paz e fogar, ademais de introducir a perspectiva de xénero. É un recurso para o profesorado de Educación Infantil e Primaria na que se propoñen seis sesións de traballo que tomarán como punto de partida o conto e as súas ilustracións.

A teteira de Kabul preséntanos unha historia real baseada nos recordos infantís dunha muller afgá chamada Nadia Ghulam. A protagonista, Mina, vive nunha contorna segura e feliz ata que o seu benestar se ve trastornado polo estalido da guerra a principios da década de 1990. A familia de Mina perde a súa casa polos bombardeos e vese obrigada a fuxir. Primeiro polas rúas de Kabul, despois desprazándose ao campo de refuxiados de Jalalabad e, por último, emprendendo unha perigosa viaxe en busca dunha nova terra na que reconstruír a súa vida.

Ao longo do conto expóñense poeticamente os soños, anhelos e frustracións características das persoas refuxiadas así como as situacións de desamparo, vulneración de dereitos e a dor que adoitan acompañar os seus desprazamentos. Ademais, incorpora un apartado de orientacións teóricas e metodolóxicas que permita afondar na comprensión dos catro conceptos ao redor dos que se articulou o relato e sobre os que se reflexionará nas distintas actividades.

Pola vixencia da temática, este conto pretende transcender o plano puramente abstracto para tentar ser útil e contribuír a mellorar as relacións interpersoais dentro da aula, outorgando unha especial relevancia ás experiencias vividas en relación coa historia e ás reflexións do alumnado acerca das mesmas.

Tanto o texto como as fermosas imaxes que o acompañan son da autoría de Carolina Pujadas Torné.