Dende o proxecto “Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” concibimos os centros escolares como representacións das sociedades nas que están inmersos, sendo espazos nos que tamén reverbera o funcionamento social.

Esta impronta socializadora dos centros educativos adquire unha dobre visión: por unha banda, pode derivar na persistencia e fomento de certas crenzas sociais que atentan contra a dignidade e equidade das persoas tales como os roles e estereotipos de xénero, os prexuízos raciais ou discursos do odio; e, por outra banda, podemos considerala como unha oportunidade para fomentar valores que non só recoñezan a diversidade senón que tamén a respecten e a integren como un valor positivo e a preservar.

Nos últimos anos, as escolas deixaron de ser entendidas só como lugares para a aprendizaxe de contidos académicos e regrados, facéndose cada vez máis explícita a súa función chave como axente socializador e como espazo de construción e transformación social.

É aquí onde o teatro se erixe en laboratorio e ferramenta, permitindo no seu xogo entre a realidade e a ficción que o alumnado viva, explore e transforme distintas realidades facendo que os valores traballados mediante as súas distintas técnicas sexan integrados polas persoas participantes na súa vida dentro e fóra do centro escolar.

Isto mesmo é o que pretendemos mediante os obradoiros de “Teatro Foro” para os que contamos coa Cooperativa Feitoría Verde, entidade de referencia pola súa experiencia na dinamización e acompañamento destes espazos, sendo unha das actividades xa clásicas dentro do “Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” pola valoración positiva que reciben e por seren consideradas como unha das actividades que mellor funcionan co alumnado.

Máis polo miúdo, o “Teatro foro” permite:

  • Fomentar a análise de situacións cotiás nas que estea presente a discriminación.
  • Proporcionar ferramentas de análise da realidade acerca do discurso de odio buscando xerar unha conciencia crítica entre as participantes sobre as situacións e actitudes que implican desigualdade racial.
  • Recoñecer os estereotipos e prexuízos existentes relacionados co discurso do odio.
  • Analizar diferentes rumores acerca da inmigración e contrastalos con diferentes datos reais.
  • Ofrecer a través de exemplos teatralizados como o racismo se manifesta na sociedade mediante prexuízos e estereotipos.

A metodoloxía empregada é participativa a través de dinámicas que pretenden o fortalecemento da autoestima, individual e colectiva, e empréganse técnicas teatrais que proceden do Teatro da Oprimida ou das ferramentas da educación intercultural e feminista. Estas dinámicas tamén traballan buscando solucións pro-activas como a creación de percepcións positivas sobre a interculturalidade ou a ruptura cos roles tradicionais de xénero. As sesións contan con actividades lúdicas, dinámicas de fomento do cooperativismo e o traballo grupal ademais doutras específicas que promoven as actitudes asertivas e poñen en valor a diferenza e a interculturalidade.

Cada sesión ten unha duración de 100 minutos nos que a estrutura prototípica é a seguinte: dinámica introdutoria do teatro, presentación de Asemblea de Cooperación pola Paz, traballo en grupos para aportar solucións ao conflito presentado na peza de teatro, debate e posta en común, aclaración e definición de conceptos sobre o racismo, barómetro do discurso do odio nos medios de comunicación e o manifesto de solidariedade antirracista.

Ao longo do curso académico 2021/2022 leváronse a cabo intervencións de teatro foro sobre racismo e interculturalidade nos que participaron grupos do CEIP López Ferreiro, CEIP Santiago Apóstolo – ambos situados en Santiago de Compostela (A Coruña) – IES Xulián Magariños de Negreira (A Coruña) e IES Laxeiro de Lalín (Pontevedra).