ESCOLAS SEN RACISMO
Que é #ESR
Escolas Sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento (ESR-EPD) é un programa educativo que, ademais de perseguir que non se produza ningún tipo de discriminación, busca educar na paz, na resolución de conflitos e na solidariedade desde unha perspectiva global, que inclúa a responsabilidade persoal e colectiva co desenvolvemento humano de todas as persoas e sociedades.
Desde febreiro de 1997 cando ACPP e Escolas Sen Racismo organizaron un seminario internacional en Madrid para estudar as posibilidades do desenvolvemento deste programa europeo en España, a ferramenta evolucionou significativamente. A pesar de nacer como un instrumento para loitar contra o racismo, na actualidade ESR-EPD defínese como un programa que asume a educación para o desenvolvemento e a paz de maneira transversal e permanente no currículo dos centros educativos e na metodoloxía de acción do profesorado.
É por iso que hoxe o programa recibe o nome de Escolas Sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento (ESR-EPD).
ESR-EPD é, por tanto, un marco de actuación e un instrumento de traballo que ofrecer ás escolas. É unha metodoloxía, unha forma de facer e entender a educación, que require a participación de toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias e persoal non docente) para alcanzar o propósito de crear unha sociedade máis xusta e solidaria.
Toda a información sobre o proxecto no conxunto do Estado español, nesta web.
O Manifesto
O Manifesto de ESR-EPD recolle a esencia de todo aquilo ao que se compromete o centro educativo.
Esta actividade pode ser o punto de partida para comezar a ser unha ESR-EPD, a maneira de dar a coñecer os principios e contidos do programa no centro e de comprometerse cos mesmos. Do mesmo xeito, pode traballarse a final de curso, como peche tras a realización de todas as actividades do programa para facer patente todo o aprendido e visibilizar o compromiso do centro. O compromiso co manifesto estimulará unha educación crítica e transformadora e a implicación activa no desenvolvemento dunha Escola sen Racismo, Escola para a Paz e o Desenvolvemento.
O manifesto é, por tanto, unha ferramenta de visibilidade e pertenza á Rede ESR-EPD, ademais dunha maneira de facer patente o compromiso da comunidade educativa cos principios do programa.
Nós, alumnado, profesorado e representantes das asociacións de familias dicimos ”SI”! a unha escola plural, libre, crítica e participativa, baseada nos valores democráticos e de responsabilidade cos Dereitos Humanos Universais, a xustiza social, a paz, o respecto á diversidade e o medio ambiente.
- Porque todas as persoas somos diferentes pero temos os mesmos dereitos.
- Porque calquera tipo de discriminación baseada na cor de pel, o idioma, a relixión, a orientación sexual, o xénero, a diversidade funcional, a nacionalidade ou en calquera outro aspecto é inaceptable; a discriminación crea divisións e conduce ao odio entre persoas.
- Porque a diversidade é riqueza e forma parte da natureza do ser humano.
- Porque a paz e o respecto aos Dereitos Humanos son requisitos imprescindibles para un desenvolvemento equitativo e sostible.
- Porque o sistema educativo debe promover valores comúns para o exercicio dunha cidadanía democrática nun contexto global.
Por tanto, e de acordo coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Constitución Española de 1978, como centro educativo:
- Rexeitamos calquera comentario, argumento ou prexuízo que discrimine a calquera ser humano e indignámonos ante as inxustizas que causan exclusión e negan os dereitos fundamentais a millóns de persoas en todo o mundo.
- Rexeitamos a violencia e as condutas agresivas en calquera das súas formas (psicolóxica, verbal, física emocional, cultural, etc.) e a través de calquera canle (redes sociais, outros medios electrónicos, etc.).
Comprometémonos a:
- Combater calquera forma de discriminación por mor de raza, xénero, crenza relixiosa, diversidade funcional, orientación sexual ou calquera outro aspecto, tomando as medidas oportunas que garantan a convivencia plural na nosa escola, no noso barrio e na nosa sociedade.
- Promover a convivencia e resolver os conflitos desde un enfoque participativo baseado na cultura de Paz no noso centro educativo.
- Impulsar accións que contribúan á construción dunha sociedade xusta e equitativa para todas e todos no marco dunha cultura de paz.