O proxecto “Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” constitúe unha aposta integral pola formación en educación e comunicación para o desenvolvemento.

Para a achega nas aulas, confíase no emprego dun enfoque socio-afectivo, traballando a través das emocións e das propias vivencias para acadar un cambio de actitudes. Este enfoque promove no estudantado a oportunidade de experimentar o proceso de aprendizaxe a partir de situacións e experiencias vivenciais que xeran a comprensión directa dos fenómenos tratados e a empatía conlevando unha aprendizaxe integral que implica non só a transmisión de coñecementos, senón tamén a reflexión e cambio nos propios valores persoais que atravesan as paredes das aulas e acadan a vida cotiá das e dos participantes, xerando cambios reais na contorna.

Os obradoiros de relacións igualitarias son precisamente unha das actividades que mellor valoración acadan, por parte de alumnado e o profesorado, e son impartidos por Monse Vilar Figueirido de Lilith Acción Social e Educativa. Durante o curso académico 2021-2022 realizáronse obradoiros de relacións igualitarias con estudantado de 6º de primaria no Colexio Plurilingüe concertado Vilas Alborada e de 2ºESO dos Institutos de Educación Secundaria: Losada Diéguez de A Estrada, Brión e o IES Laxeiro de Lalín.

A estrutura das sesión consta de tres partes: na primeira o grupo identifica conceptos e afonda no sistema sexo/xénero; na segunda, identifica e sensibilízase ante as diferentes formas das violencias machistas e na terceira parte, reflexiona sobre o botrato e o bentratar. Para a abordaxe da temática faise uso dos recursos audiovisuais: análise de contidos mediáticos e simbólicos desmontando os estereotipos na publicidade, a imaxe e os corpos normativos e tamén foméntase a análise das relación nas series, cine e na literatura.

Nestes espazos, foméntase a aprendizaxe significativa e reflexiva xa que se parte das ideas e percepcións previas que aporta o grupo, ofrecendo información e pautas de análise para fomentar o pensamento crítico. Ademais favorecen unha atmosfera de seguridade e confianza no que poñer nome ás vivencias, compartir experiencias e dúbidas, reflexionar sobre as posicións nas que a sociedade nos sitúa segundo a lectura que faga dos nosos corpos ou partillar sobre como vive a mocidade as súas relacións. Para iso, debemos abandonar certas crenzas e pautas de comportamento – conscientes ou inconscientes – vencelladas ao maltrato e, pola contra, crear novos valores e outras formas de relacionarnos que favorezan o desenvolvemento persoal, as relacións interpersoais humanas e de coidado á natureza. En definitiva, un modelo que pretende “bentratarnos” dende o respecto á diferenza, a cooperación e solidariedade.