Se pensamos nos centros escolares como espazos nos que se atopan realidades diversas que teñen que aprender a convivir entre elas, resulta natural que agromen conflitos como parte inherente á propia convivencia.

Neste escenario, faise necesario que os centros escolares conten con medios para traballar por unha aula onde o respecto e a convivencia sexan posibles, para atopar unha maneira de utilizar esa riqueza cultural dun xeito construtivo, reforzando as imaxes positivas e as oportunidades que a diversidade cultural nos pode ofrecer. Tamén é precisamente a existencia destas características as que converten aos centros como espazos idóneos para ensinar e aprender habilidades sociais, adquirir recursos útiles para a transformación pacífica dos conflitos, e traballar en materia de mediación e promoción da cultura de paz.

A través do proxecto “Escolas sen racismo, escolas para a paz e o desenvolvemento” téñense desenvolvido os obradoiros de mellora da convivencia escolar. Estes obradoiros están baseados en dinámicas que pretenden o fortalecemento da autoestima, individual e colectiva, e o traballo ao redor dos conflitos que xorden froito da presión de grupo, buscando solucións pro-activas e a creación de percepcións positivas.

Cada sesión conta con actividades lúdicas, dinámicas de fomento do cooperativismo e o traballo grupal ademais doutras específicas que promoven o respecto, a igualdade, as actitudes asertivas e a posta en valor da diferenza. Por tanto, os obradoiros buscan xerar mecanismos que favorezan a adquisición de habilidades sociais individuais e colectivas para garantir unha integración socio afectiva nos centros educativos. As principais dimensións que se abordan son:

  • Dar a coñecer a importancia da empatía e da asertividade como ferramentas de mellora das nosas relacións sociais.
  • Potenciar a empatía e aprender a cooperar e compartir experiencias.
  • Crear un clima de confianza, coidado e botrato.
  • Identificar e valorar as emocións como enerxías xeradoras de cambio.
  • Mellorar as capacidades de comunicación interpersoal e a capacidade para defender ideas de xeito pacífico e asertivo.
  • Ofrecer alternativas pacíficas que transformen os conflitos relacionados coas diferenzas individuais e colectivas.

Cada sesión de 100 minutos de duración, busca partir da propia vivencia do alumnado participante e remover crenzas de xeito activo, por iso emprega dinámicas que activen a posición das persoas dentro do grupo e da aula e que permitan favorecer o autocoñecemento e coñecemento do grupo; afondar nos estilos de comportamento e reflexionar sobre o botrato fronte ao maltrato. Cómpre sinalar o reto engadido de adaptar a metodoloxía ás medidas sanitarias derivadas da COVID-19 nun período académico no que os confinamentos domiciliarios, os grupos burbulla e as restricións ao contacto físico aínda estaban moi presentes no día a día das aulas.

Con todas estas dificultades, mais de 150 mozas e mozos de 3º ESO e FP básica de tres centros escolares – IES Laxeiro de Lalín (Pontevedra), o IES de Ames e o IES Xulián Magariños de Negreira (ambos situados en A Coruña) – participaron nestes espazo. Para esta labor, contamos coas profesionais de Atalaia Social que dispoñen de moitos anos de experiencia na facilitación de grupos no eido pedagóxico ademais de ter un amplo percorrido neste mesmo proxecto.