Obradoiros

Contos

“Por un mundo de cores” 

Por un mundo de cores é unha colección de contos para traballar a convivencia, a tolerancia, o respecto á diferenza e a resolución de conflitos.

A formación de actitudes e comportamentos vaise desenvolvendo desde os primeiros anos de vida e é necesario incidir nunha educación que favoreza a convivencia nunha contorna cada vez máis diversa e fomentar un desenvolvemento integral das persoas baseado na igualdade de dereitos e oportunidades.

O descubrimento da contorna e a convivencia harmónica son os obxectivos específicos de Por un mundo de cores, que se alcanzan a través dos contos como estímulo para a reflexión.

Obxectivos: 

  • Facilitar o descubrimento da contorna próxima físico e social.
  • Fomentar a convivencia harmónica, nun marco de respecto e solidariedade.
  • Mostrar as alternativas na procura de solucións para a resolución de conflitos.

Desenvolvemento da actividade

Por un mundo de cores é unha colección de tres contos que conteñen imaxes, xogos e actividades que estimulan o descubrimento dun mesmo e da contorna. 

Os contos son:

A fabricante de soños

Describe unha aventura entre tres personaxes que superan as súas diferenzas e perseguen un obxectivo común. Propóñense actividades para traballar o coñecemento propia e das demais persoas desde o respecto a a diferenza.

Océano

Un grupo de nenas e nenos traban amizade e deciden compartir a mesma experiencia: coñecer o mar. Presenta actividades para fomentar a convivencia harmónica e valorar a riqueza da diversidade.

Proporciónase unha guía para o profesorado que contén unha orientación metodolóxica e actividades para traballar os contos na aula.

Por un mundo de cores diríxese a alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, nenas e nenos de entre 3 e 6 anos, para traballar valores desde unha perspectiva lúdica e estimulante.

Guía de contos transformadores

Os contos son pequenas historias, que permiten empregar mundos e personaxes máxicas para contar as cousas de forma sinxela, e teñen un gran poder didáctico de transmisión de aprendizaxes. A través do conto as crianzas entran nun mundo máxico, aprenden conceptos, ideas e valores, póñense no lugar doutros/as, coñécense a si mesmos/as e desenvolven a lectura e a linguaxe. 

É por iso que por medio dos “Contos Transformadores” empregaremos a literatura como ferramenta facilitadora para o diálogo, a reflexión e o cambio nas aulas de Educación Infantil. Os contos fannos transitar por novos mundos a través doutras peles, preséntannos situacións que afrontar desde diversos modelos de comportamento, (de)constrúen roles e imaxinarios sociais á par que transmiten valores. Tamén axudan a identificar emocións, tanto propias como alleas, fomentando a empatía a través da experiencia das personaxes, e contribuíndo tamén ao coñecemento e interpretación dun mundo complexo. Espertan desexos, crean ideas e expresan inquedanzas. Os contos convértense así nunha ferramenta pedagóxica fundamental para o desenvolvemento social e emocional do alumnado de infantil.

Contamos para isto con 5 relatos curtos, concisos e sinxelos que conteñan máximas que inciten á análise de aspectos relacionados coa tolerancia, a diversidade, a equidade de xénero, o consumo responsable, a solidariedade e a cidadanía no máis amplo sentido da palabra. Unha das actividades propostas é que as nenas e os nenos deberán expresar a través de debuxos a súa percepción desas historias, construíndo o seu propio imaxinario a través dun exercicio artístico, xa que a estas idades non teñen competencias de lecto-escritura para crear as súas propias historias. Estas historias contarán cunhas pautas guía que lles facilitarán ao profesorado a explicación e orientación para que o alumnado constrúa as ilustracións que acompañarán a historia. Esta actividade diríxese especialmente ao alumando de infantil, mais tamén pode traballarse no primeiro ciclo de primaria por medio de distintas actividades creativas, como por exemplo por medio da técnica de stop–motion tal e como se realiza nos obradoiros educomunicativos no marco do proxecto.

O principal obxectivo pedagóxico desta actividade é a promoción da toma de conciencia e identificación de emocións por medio do impulso da creatividade e a expresión a través da lectura e o debuxo. Cada conto, de forma individual, conta cunha serie de obxectivos específicos e concretos:

Conto 1: “A orella esquerda de Lea”, de Tempos de Loaira:

  • A posta en valor da diferenza.
  • Aprender a importancia da unicidade de cada persoa, a escoita e a tenrura como virtudes, a natureza como medidora do tempo e compañeira das nosas historias.
  • Coñecer as características da amizade,
  • Aprender, identificar e diferenciar situacións e/ou emocións de vergoña, superación do medo á diferenza, tristeza, ledicia e amor.

 Conto 2: “Gargalladas de mel” de Tempos de Loaira

  • Coeducación e igualdade de xénero.
  • Aprender a posibilidade de superar os obstáculos que nos pon a sociedade (especialmente ás nenas, mozas e mulleres) para facer as cousas que realmente queremos facer.
  • Coñecer as características da superación, a sororidade (na figura da avella e das moitas xeracións de avellas que buscan e acompañan ás nenas que superan retos)
  • Aprender, identificar e diferenciar situacións e/ou emocións de medo, de menosprezo ás propias capacidades por parte da sociedade, de ledicia ante a superación dos retos.

 Conto 3 “Historias do Centro de África” e Conto 4 “Xuemín e os Tulou” de Andrea Nunes Brións:

  • O coñecemento doutras realidades.
  • Coñecer as características doutras realidades en relación á natureza e tamén á propia diversidade que existe entre as persoas dun mesmo contexto (neste caso en relación coas súas linguas).
  • Aprender, identificar e diferenciar situacións e/ou emocións de convivencia cultural, de diversidade dentro dunha mesma realidade, de posta en valor das linguas propias e dos trazos culturais de cada rexión do mundo.

 Conto 5 “A Illa de Cores” de Lara Dopazo Rubial:

A importancia do uso e coidado do entorno

  • Reflexionar sobre os impactos medioambientais do modelo consumista actual e remarcar a importancia do consumo responsable
  • Promover a toma de conciencia sobre a nosa responsabilidade na preservación do medio ambiente
  • Fomentar a reciclaxe e o principio das chamadas 4Rs: reducir, reutilizar, reciclar e recuperar
  • Por en valor a capacidade transformadora das accións a pequena escala

Conto Xuemin 1

Conto Xuemín 2

Conto África