Jesús Cintora, recoñecido xornalista cunha traxectoria que contempla medios como Cadea Ser, Catro, A Sexta ou TVE, foi o primeiro relator nesta nova sesión do Seminario. Por mor da publicación do seu novo libro ‘No quieren que lo sepas’ o xornalista falou da súa traxectoria, da censura que sufriu durante a súa carreira profesional e dos seus inicios no mundo do xornalismo.

En relación á nova tendencia do xornalismo sinalou: “As novas tecnoloxías permiten o faicho ti mesmo, que a imaxinación e creatividade de cada un teña máis facilidades que fai X anos. Cando algúns estudabamos a nosa idea era que nos chamase unha gran empresa xornalística. O meu humilde consello é preparádevos moito neste terreo”.

A precariedade laboral neste sector foi outro dos temas que tratou o relator, “non é precisamente un dos gremios mellor pagados”, aínda así, animou ao alumnado a defender o oficio do xornalismo. “O xornalismo é moitas cousas, non é soamente estar nun medio de comunicación. É estar nun gabinete de prensa, é ter relacións con medios, unha axencia de publicidade, etc.”, sexa cal for o camiño que elixas Jesús deixou claro que “ter medo non vaiche a servir de nada”.

No seu novo libro fálase tanto dos seus inicios no pequeno pobo do que é natal até a corrupción política ou o Rei emérito. “Eu estoume atopando censura agora mesmo e estábama atopando onte tamén. Estou a atoparme con entrevistas que se están cancelando en televisións que con outros libros non me pasou. A min quitáronme agora mesmo da circulación de primeira liña. O libro permitíronme publicalo, non me vetaron”, afirmou.

Na segunda parte da sesión, a temática deu un xiro de 180º, pasando da boa praxe no xornalismo en xeral á boa praxe na comunicación sobre violencia de xénero. Patricia Costa, xornalista ligada a RNE desde 2007 especializada en violencia machista e igualdade de oportunidades, foi a encargada das seguintes dúas horas.

“A nosa profesión non é unha cuestión de manuais, a cuestión é falar coas persoas que saben. Facer moitas preguntas, chamar, consultar aos expertos. Eu levo moitos anos na profesión e sigo facéndoo. Falar con persoas que traballan o tema día a día”, sinalou a xornalista.

Se en algo coincidiron tanto Jesús como Patricia foi na importancia da especialización. “O tratamento informativo non sempre é o correcto e o principal motivo é que os profesionais non están afastados do sensacionalismo”, afirmou Patricia. E argumentouno cun exemplo claro, do mesmo xeito que se envían a xornalistas deportivos a cubrir un partido de baloncesto, deberíase enviar a xornalistas especializados a cubrir noticias sobre violencia machista; coa sensibilidade que leva.

Patricia fixo, ao longo lla sesión, unha lista de consellos para o bo tratamento informativo: “Primeiro reto: especialización. Segundo reto: mensaxes en positivo. Terceiro reto: tratamento da información. Cuarto reto: traballar a prevención. Quinto reto: buscar novos enfoques. O obxectivo é que as persoas que falen comigo sentan empoderadas, que mesmo forme parte da súa terapia, que estean preparadas para intervir”.

A pesar de tratar a diario o mesmo tema, Patricia afirma que é fundamental atopar novos enfoques, dar visibilidade e tratar aspectos que van ser polémicos: “A necesidade de falar dos maltratadores, aínda que logo déanche paus en Twitter cando publiques o teu podcast. Son homes que van ir ao cárcere e cando saian van ter o mesmo tipo de relacións. Hai que concienciar, que non justificar, de que teñen a posibilidade de reeducarse”.

Durante a súa intervención compartiu co alumnado distintos reportaxes que realizou en ‘Tolerancia Cero’ de RNE e quixo acabar matizando que o feminismo é unha cuestión que afecta a toda a poboación e que, por iso, o xornalismo feminista non se debe enfocar unicamente ás mulleres. Como recomendación para facer feminismo para todo o mundo deixou o libro de Octavio Salazar ‘We too: Brújula para jóvenes feministas’.