Debuxa a unha persoa migrante. Con esta tarefa deu comezo a terceira sesión do Seminario de Comunicación e Cooperación internacional con Lucía Mbomío como relatora para falar sobre o tratamento ás persoas negras nos medios de comunicación.

A evolución do racismo nos medios de comunicación é clara, e así o retratou Mbomío, pero iso non significa que se erradicou, nin moito menos. Con claros exemplos do día a día dos medios máis comerciais e populares do noso país, o alumnado puido ver claramente retratado o perfil da persoa negra nas narrativas españolas.

“Até cando están mortos chámanlles migrantes e non persoas”, sinala mentres mostra diapositivas con recortes de xornais de gran relevancia en España nos que aparecen corpos sen vida de persoas negras sen pixelar, acompañados de titulares nos que se deixa claro que esa imaxe non é dun cidadán español.

“É peor chamarlle a alguén racista que selo”, sentenza Lucía Mbomío, quen comenta que se relaciona ser racista con ser mala persoa. A tecnoloxía evolucionou até o punto de que case cada persoa pode ser reporteira, só fai falta un móbil e estar no lugar e momento preciso. Grazas a iso debería ser máis fácil construír un retrato verídico do racismo presente na nosa sociedade e institucións. Con todo, “cando vemos algún momento racista, que agora podemos gravalo con facilidade, tratámolo como algo anecdótico, non como algo revelador”.

Os estereotipos pola cor de pel abarcan desde o sexual até as comparacións con animais, sendo moi frecuentes os titulares nos que se chama “pantera negra” -ou outro animal- a deportistas negros que destacaron nas súas disciplinas. Estes deportistas pasan de recibir insultos e comparacións denigrantes cando empezan a ser coñecidos a ser heroes racializados que gañan medallas para o seu país.

A relación no imaxinario colectivo de negro e crime segue estando moi presente, “como o acrónimo MENA que acabou sendo sinónimo de criminal”, ejemplifica Lucía Mbomío, “imaxinádevos que é iso para alguén que crece así, en termos de desarraigamento”. Menores de idade, sós, lonxe do seu país e nun novo lugar no que se lles sinala pola súa cor de pel e orixe.

Lucía Mbomío non quixo acabar este retrato dos medios de comunicación e as persoas negras sen falar do machismo, pois é unha dobre condena para as mulleres negras que chegan a España. A relatora comentou tanto a sexualización como a etiqueta de “mala nai” que se lle pon a toda aquela que non cumpre coa idea de nai negra entregada e todoterreo.

Ao finalizar a sesión, o alumnado tivo oportunidade de facer preguntas e comentar aspectos relevantes. Estes últimos minutos convertéronse nun espazo no que se compartiron eventos claramente racistas, así como reflexións persoais.