Obradoiros
Teatro Foro
O teatro foro é un xogo teatral que ten un dobre obxectivo: detectar problemas latentes entre o alumnado e facerlle entender que na súa man pode estar a chave para a resolución de problemas que lle afectan ou lle poden afectar e sobre os que, aparentemente, non poden facer nada.
Está baseada nas teorías do brasileiro Augusto Boal, creador do Teatro do Oprimido, método no que se pon en escena unha experiencia que representa unha situación de inxustiza social, sendo o público-espectador que propón e representa a solución, pasando a ser público-actor.
O Teatro Fórum é unha actividade na que se expón un problema non resolto e pídese ás persoas asistentes que propoñan solucións e que as representen, ocupando cada cal o papel que escolla. As obras son pequenas dramatizacións de situacións próximas ao alumnado dos centros educativos.
O alumnado que propón unha solución diferente á representada polo grupo de intérpretes debe participar nunha repetición da escena integrándose como parte da repartición e cambiando a acción de acordo coa solución ofrecida.
Esta actividade permite a análise de comportamentos, de relacións de poder e das motivacións que explican determinadas situacións. Ademais, o Teatro Foro dá todo o protagonismo ao alumnado durante o proceso porque convida a cambiar a realidade negativa e demóstralle que é posible e desexable.
Obxectivos:
- Analizar situacións de discriminación, inxustiza social, violencia e outras temáticas sociais mediante técnicas teatrais.
- Potenciar a imaxinación, a sensibilidade e a creatividade persoal e de grupo.
- Construír un espazo de expresión e de diversión mediante o xogo simbólico.
- Practicar a procura colectiva de solucións a problemas sociais.
- Fomentar o respecto cara ás diferentes posicións na resolución dun conflito.
- Crear un clima de confianza que fomente a espontaneidade do alumnado e que permita ao persoal docente presente detectar síntomas de conflitos ata o momento invisibles ou difusos (persoais, relacionales, etc.).
Desenvolvemento da actividade:
O grupo de actores e actrices prepararán obras breves e elementos que estarán presentes no escenario, todos moi simples e adaptados para distintas idades. A actividade ten lugar no centro educativo, na aula ou nunha sala de usos múltiples.
O Teatro Fórum baséase na explicación dos conflitos interpersoais e sociais, facilita así buscar solucións ao conflito, e é o grupo mesmo quen “vive” a experiencia presentada en escena e tenta resolvela.
Exemplos dos contidos das obras son:
- Racismo e convivencia pacífica: mostra unha situación na que están presentes os prexuízos e as discriminacións.
- Xénero: exponse situacións onde se evidencia a desigualdade entre mulleres e homes, axudando a cuestionar o porqué destas diferenzas.
- Refuxio: obra sobre a situación das persoas refuxiadas e a actitude da sociedade cara a elas.
- Acoso e Ciberacoso escolar: escenifícase unha situación de acoso escolar ou acoso a través das redes sociais.
Destinatarios e destinatarias:
Esta actividade diríxese ao alumnado e pódese abranguer un amplo abano de idades, xa que a representación e dinamización da sesión adáptase ás capacidades de cada grupo. Pode participar toda a comunidade educativa.