Obradoiros Educomunicativos
Obradoiro de Vídeo Cartas
Utilizaremos as ferramentas dixitais para establecer unha vía de comunicación intercultural con República Dominicana, El Salvador ou Guatemala, países nos que traballamos en proxectos de cooperación internacional.
Por medio deste diálogo horizontal e a reprocididade pedagóxica, búscase achegar outras realidades e fomentar a empatía intercultural. Dentro deste proxecto grávanse, por exemplo, unha serie de vídeo-cartas en centros educativos de bateyes de República Dominicana, aos que o alumnado dos centros educativos galegos darán resposta. Algunhas das posibles preguntas rectoras destas vídeo-cartas poden ser: Como viven os mozos e as mozas da súa idade nun país como Dominicana? Cales son as súas problemáticas, como ven o seu futuro, que percepción teñen da vida en Europa?
O alumnado achegarase á realidade deste país a través dunha primeira sesión de 100 minutos na que se exporá o contexto no que viven mozas e mozos da súa mesma idade e abordaremos a co-responsabilidade Norte-Sur, nesta sesión proxectaranse as vídeo-cartas do alumnado dominicano.
Na segunda sesión o alumnado gravará a súas propias respostas ás vídeo-cartas que viron no primeiro día e daráselle nocións de edición nos propios móbiles. Estes vídeo-cartas serán compartidas vía web e vía redes sociais, entendidas como unha conversa intercultural sobre a realidade dos dous países.
Cando a loxística o permita, incluiremos unha terceira sesión na que o alumnado galego volverá a recibir respostas do alumnado de Dominicana as súas preguntas. Esta última non sempre é viable porque depende da programación dos obradoiros ao longo do curso escolar.
Pódese traballar, tanto con alumnado do segundo ciclo de primaria, como con secundaria. E as necesidades técnicas limítanse a un móbil cada tres ou catro persoas.