Obradoiros
Obradoiro de Relacións Igualitarias
Este obradoiro ten como finalidade estimular o debate entre o alumnado que permita avanzar na erradicación da violencia de xénero e a violencia cara as mulleres. A realización deste tipo de obradoiros de sensibilización e formación en materia de igualdade e coeducación amplifica os efectos positivos a curto, medio e longo prazo na transformación das identidades e a construción dunha sociedade igualitaria, equitativa e xusta .
A través da aclaración de conceptos básicos e de imaxes e exemplos prácticos, trataremos de desmitificar o amor desde unha visión que desmonte a súa contribución á desigualdade entre mulleres e homes, introducindo a perspectiva de como contribuíu a crear un modelo de “príncipe azul” e “princesa paciente” que constitúe a base de moitas parellas. Traballaremos para reflexionar sobre a influencia que os mitos sobre a media laranxa, os celos, o control, a entrega, a complementariedade, o heterosexismo e o amor verdadeiro, teñen en nosas propias vidas e no noso xeito de relacionarnos, e as súas consecuencias emocionais, psicolóxicas e na lexitimación da violencia contra as mulleres. Ademais, se consideramos que é o período da adolescencia o momento de inicio da gran parte das relacións de parella e que este rango de idade está identificado por unha serie de cambios e afirmacións da individualidade e a personalidade, atopamos a un colectivo que precisa de xeito urxente a visibilización e identificación dos perigos, que poden estar sendo pasados por alto, que poden evitar a reprodución dos modelos de relacións desiguais e violentas.
Cada obradoiro consta dunha única sesión de 100 minutos e lévanse a cabo nos centros de primaria (para os niveis de 5º e 6º primaria) e nos cinco centros de secundaria.