Obradoiros Educomunicativos
DICCIONARIOS AUDIOVISUAIS
DURACIÓN
4 sesións de 100 mins
ALUMNADO
ESO
6º de Primaria
NECESIDADES TÉCNICAS
- Proxector
- Altofalantes
Dicionarios Audiovisuais de Ida e Volta amosa os camiños que compartimos con Venezuela, México, Honduras, Guinea Ecuatorial, Senegal ou Romanía, a partir das historias de persoas que naceron neses países e que agora viven con nós, en Galicia e en galego. Aranxa, Brenda, Cristina, Mame, Marcelo e Marisol explícannos a súa cultura a través dunha expresión na súa lingua que consideran clave e, ao tempo, escollen unha expresión galega que lles parece útil para coñecer mellor a nosa sociedade.
Aproveitamos para falar dos seus países e, tamén, do proceso migratorio. O obxectivo é apreciar a diversidade e a diferenza, a solidariedade e a importancia da bidireccionalidade nas relacións Norte-Sur, reducindo os estigmas asociados á migración, sempre apoiados polo poder integrador das linguas. Estas pílulas de entre 3 e 4 minutos de duración están pensadas para ser empregadas en centros de ensino, para o cal elaboramos tamén unha guía didáctica de libre uso.
Traballaremos con sete aulas completas, unha sesión de 100 minutos por aula. Na primeira parte visionaranse dous dos audiovisuais (escolleranse en función dos que sexan máis acaídos ao contexto e ao alumnado), debaterase sobre o contido e dividirase a aula por grupos para que graven na segunda parte o seu propio dicionario audiovisual. Se na mesma aula houbera alumnado doutra orixe étnica ou cultural promoverase que sexan os protagonistas dos mesmos.
As historias que empregaremos son as seguintes:
Mame chegou a Santiago dende Senegal con 12 anos. Cóntanos a súa experiencia migratoria a través dos termos Ruliña e Teranga, que define a hospitalidade do seu pobo. Mame. Senegal
Brenda marchou da súa pequena aldea de Honduras para axudar a súa familia. Agora vive en Doncos, unha aldea de Lugo, que lle recorda moito á súa terra e onde conviven as nosas Meigas e os seus Güirros. Brenda. Honduras
Marcelo chegou dende Guinea Ecuatorial á Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) no ano 1969. Cóntanos como esta experiencia lle cambiou a vida e fálanos da Retranca galega e da Akomeya fang. Marcelo. Guinea Ecuatorial
Marisol é filla de galegos que emigraron a Venezuela. Hai algúns anos decidiu utilizar o seu pasaporte español para volver á terra dos seus pais, Ourense. Dende aquela, conxuga a Morriña da migrante galega co P’alante venezolano. Marisol. Venezuela
Cristina é profesora de linguas nunha escola de Lugo. Cando era unha nena chegou dende Rumanía a España coa súa familia e, anos máis tarde, trasladouse a Galicia co seu marido. Para ela, a lingua galega é como as bolboretas e a omenie reflicte a bondade romanesa. Cristina. Rumanía
Aranxa é unha moza mexicana que vive en Santiago dende hai anos. Cóntanos como está sendo o seu difícil proceso migratorio, defende o valor do noso Malo será e preséntanos un concepto fundamental na súa lingua: No mames. Arantxa. México
Necesidades técnicas:
Proxector
Equipo de gravación básico:
Cámara
Trípode
Micrófono
Gravadora de audio
Auriculares