Obradoiros
De profesión cidadáns/cidadás
De Profesión Cidadáns/ as pretende difundir a importancia da participación cidadá responsable e activa como motor de cambio e beneficio social para o conxunto da comunidade.
Este recurso está deseñado para traballar distintos eixos temáticos: “Xénero”, “Migración e Refuxio”, “Democracia e Participación” e “Produtores do Sur e Comercio Xusto”
No “DPC Xénero” abordarase a realidade das mulleres no mundo e a enorme e inxusta desigualdade en dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. Preténdese achegar esta realidade para traballar por e na equidade, sendo as mulleres e os homes, tanto dos países do sur como do norte, os protagonistas do seu desenvolvemento.
No “DPC Migración e Refuxio” pretendemos que o alumnado coñeza as diferenzas entre persoa migrante e persoa refuxiada, as motivacións reais que levan a millóns de persoas a ter que deixar o seu país de orixe e/ou residencia, os dereitos humanos, leis e normas que teoricamente protexen a ambos grupos e analizar ata que punto se cumpren e que papel temos nós para contribuír a que estes feitos sexan modificados cara á construción de sociedades plurais e democráticas. Tamén pretendemos ofrecer datos que permitan ter unha visión real desta realidade e que axuden a destrución dos prexuízos creados por unha visión parcial desta.
No “DPC Democracia e Participación” promoverase a conciencia do que significa sermos cidadáns e cidadás dun Estado democrático e as vantaxes que esta realidade ofrece. A participación social é un dereito da toda a cidadanía e un factor fundamental para afondar nos aspectos democráticos. As actividades propostas nesta actividade, pretenden recalcar que a participación social supón unha responsabilidade e a responsabilidade supón sacrificio, xa que os resultados das nosas accións repercuten sobre a nosa sociedade, ben de xeito negativo, ben positivo.
No “DPC Produtores do Sur e Comercio Xusto” pretendemos promover unha reflexión sobre a situación actual do sistema de produción e comercio e o papel que cada un e unha de nós desempeña nel. Pretendemos que o alumnado, a través deste itinerario, coñeza e reflexione sobre as condicións laborais e sociais dos produtos dos países do sur, que repercusión ten o modo de consumo das poboacións do norte e como e onde hai que incidir para que o sistema económico imperante respecte este dereitos para fomentar a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento adecuado e sostible das poboacións máis prexudicadas.
Esta actividade xorde da revisión dunha iniciativa experimental desenvolvida desde o ano 2000, na que participaron diversas organizacións do sur de Europa ( European Perspective de Grecia, Movemento Laici América Latina de Italia, IEPALA de España, OMAS de Portugal e ACPP) contando co apoio e o cofinanciamento da Comisión Europea.
Obxectivos:
- Concienciar ao alumnado sobre a importancia de ter en conta a realidade desde unha perspectiva global e incidir nesta.
- Traballar para que o alumnado sexa consciente de que a participación cidadá no ámbito local ten repercusións en ámbitos globais e que é con esta participación que se conseguen os cambios e melloras que benefician ao conxunto da comunidade.
- Facer reflexionar sobre a realización real dos Dereitos Humanos, con especial énfase nos colectivos en situación de vulnerabilidade.
- Ofrecer o reflexo na arte, en calquera das súas manifestacións posibles, dos diferentes procesos históricos e sociais.
Desenvolvemento da actividade:
Este recurso didáctico está composto por:
– Exposición itinerante composta por paneis que forman diferentes cubos.
A exposición pretende ser unha ferramenta que conduza ao estudo e traballo da temática e á vez un material didáctico en si mesmo. O propósito é provocar na persoa que a visita unha nova lectura da realidade e convidar á reflexión e á análise sobre o exposto.
– Guía didáctica para profesorado.
Proporciona unha orientación para abordar os contidos da exposición e propón diversas actividades para a aula.
– Pasaporte para alumnado.
Soporte para recoller as reflexións e opinións xurdidas durante o percorrido da exposición.
Destinatarios e destinatarias
De Profesión Cidadáns/ as está dirixido a estudantes con idades comprendidas entre 14 e 18 anos e profesorado.