Obradoiros

A Cidadanía Global

É unha guía didáctica para que o profesorado poida integrar a educación para a cidadanía global na aula e no seu centro educativo.

A guía está estruturada en dúas partes: unha primeira con información sobre a educación para a cidadanía global, con orientacións conceptuais e sobre a programación e desenvolvemento das actividades; a segunda é un programa de actividades organizado en doce sesións para traballar na aula as temáticas propostas.

Obxectivos: 

  • Coñecer os conceptos “Cooperación”, “Benestar”, “Paz”, “Exclusión”, “Dereitos Humanos” e “Conflito”, relacionados con situacións da vida cotiá do alumnado.
  • Poñer en práctica habilidades cooperativas e de regulación emocional.
  • Identificar e explorar diferentes estratexias de resolución de conflitos e os seus efectos emocionais. 

Desenvolvemento da actividade: 

O programa de actividades consta de doce sesións que seguen unha orde  secuencial, de maneira que se vai incrementando progresivamente a dificultade dos conceptos e habilidades traballadas, comezando pola cooperación como habilidade básica e terminando pola resolución de conflitos como habilidade máis complexa. Para cada sesión facilítanse obxectivos, materiais, orientacións sobre como explicar cada concepto e un conxunto de actividades explicadas de forma detallada.

A maior parte das actividades ten un carácter activo e participativo e encádranse na categoría de xogo dirixido. Noutras sesións proponse xogo  libe, onde o alumnado elixe e dirixe os seus xogos e o profesorado facilita, permitindo que a actividade se desenvolva de maneira segura física e  afectivamente. O profesorado terá que valorar a adecuación de cada actividade á situación e características particulares do grupo co que traballa.

A guía está dirixida a profesorado do segundo ciclo de Educación Infantil. As actividades que se propoñen na guía están deseñadas para que resulten de interese para o alumnado de cinco anos. Con todo, a maioría das actividades son adecuadas para traballar co alumnado de catro anos e só algunhas deberán ser modificadas ou suprimidas para o alumnado de tres anos.