Paula Palacios é directora e produtora de documentais sociais, especializada no mundo árabe. O seu percorrido de máis de 15 anos nesta profesión alberga 30 títulos, entre os que destaca Cartas mojadas, un documental sobre o percorrido migratorio de África a Europa, producido por Isabel Coixet e nomeado ao Goya como mellor película documental. Con toda esta experiencia, Paula compartiu co alumnado do Seminario de Agareso o mundo da industria cinematográfica deixando unha mensaxe clara: si se pode facer cinema documental e que teña éxito.

De todos os proxectos que levou, e leva a cabo, lembra algúns deles con especial agarimo polo que a marcaron a nivel persoal e profesional. O primeiro da lista foi Mujeres sin pausa, un documental sobre a menopausa gravado en India, Tanzania, Ecuador, Francia e España. Tras un longo proceso de gravación e produción o número de espectadores non foi o que esperaba. Primeira aprendizaxe: busca ben quen queres que che financie.

Con New Walls a sensación foi diferente, di, xa que é a primeira longametraxe que conseguiu facer co 100% de financiamento que cubría a produción, sen pór diñeiro do seu peto. Mi hermano Alí é outro dos títulos que marcou a súa traxectoria, pois leva 11 anos gravándoo e converteuse en parte fundamental da súa vida.

Con esta variedade de proxectos e de enfoques, Palacios mostra ao alumnado o importante que é a implicación cando se trata de cinema documental, para así poder transmitir todo aquilo que che move e que che fixo elixir ese tema. “É tan difícil facer documental e tan difícil facelo social e tan difícil financialo, que vale a pena ter claro o que queres facer”, sinala a directora.

Unha das partes máis complicadas é atopar financiamento ou medios que queiran apostar polo teu produto. “Nesta industria é moi difícil atopar cadeas de televisión que se interesen polo documental social”, afirma Palacios, destacando Al Jazeera como un dos que habitualmente se sae desa regra e interésase polos seus documentais.

Pero, a que se debe esa falta de interese? Para Palacios está claro: “Falta moita creatividade, hai un pouco de saturación sobre todos os temas e hai que ver o punto de vista desde o que o queres tratar. Hai que tratar de non ter preguiza mental”.

A directora de cinema aproveitou para dar ao alumnado certas claves para ter en conta durante o proceso de creación. Entre elas, a importancia de operar a cámara, coidar a parte técnica do material e facer un dossier detallado que axude a entender a historia á perfección.

Como era de esperar, non podía faltar o debate ético do que se pode ou debe mostrar fronte á cámara. “En documental obviamos moitas cousas que se dan por feito. Hai que contar con imaxes ou voz o que estás a mostrar e o contexto. Que o espectador entenda todo ou moito é importante” e engade que “o que non se ve, non impacta”. Aínda así, matiza que a reflexión debe estar sempre presente sobre a relevancia destas imaxes.

Paula Palacios, achegou ao alumnado do Seminario unha sesión entretida e dinámica, chea de preguntas. Cara ao final da mesma deixou unha mensaxe de ánimo para motivar a aquelas persoas que empezan no mundo do social: “Que non de vergoña e non pensemos que o documental social é o irmán pequeno do audiovisual”.