A dirección de proxectos audiovisuais foi o tema elixido para esta nova sesión do Seminario de Agareso. Antonio Grunfeld, director de documentais, foi o encargado de explicar o proceso de produción dun proxecto audiovisual detallando cada unha das súas partes e dando recomendacións ao alumnado.

Durante a primeira parte da sesión, proxectouse o documental Manoliño Nguema, que gañou o premio Maestre Mateo a mellor documental. Trátase dunha historia sobre a traxectoria do pai do teatro de Guinea Ecuatorial que se formou na Cidade dos Muchachos de Galicia, un espazo de formación teatral actualmente desaparecida.

Tras o visionado da peza audiovisual, Grunfeld falou sobre xestión e dirección deste tipo de proxectos audiovisuais, pondo como exemplo Manoliño Nguema e resolvendo as dúbidas sobre produción que o alumnado tiña tras ver o documental.

“Un documental non é como a ficción que tes un guión técnico con todos os planos que teñen que saír e todo o equipo sábeo. En documental moitas veces é sobre a marcha e tes unha soa toma. Por iso é importante ter claro o que se quere contar e non volverse tolo a gravar planos.”, sinalou o director.

Co fin de gañar experiencia e, precisamente, aprender a funcionar en cada unha das partes de creación de contido audiovisual, Grunfeld recomendou involucrarse no máximo número de proxectos posibles. Polo xeral, a traxectoria das persoas que se dedican a comunicación social é moi diversa, “cada un chega como pode e mantense como pode. Todo son contactos”.

Antonio Grunfeld tamén recalcou a importancia de buscar ben aos protagonistas e ao equipo co que se vai a traballar, así como coidar as entrevistas: “En Manoliño fixemos moitas entrevistas con Marcelo antes das do documental e de aí sacamos fitos, que son puntos de ancoraxe, que queremos que saian. Para coidar ben a entrevista hai que coidar ao entrevistado, primeiro charlas coa persoa, tómasche un café, rompes o xeo”.

Por último, Grunfeld deu unha serie de recomendacións básicas que son vitais para o bo funcionamento do equipo e garantir o mellor resultado posible do produto final. “A rodaxe é importante, pero hai que coidar todas as partes da produción, non só esta. Ao principio descóidase moito o son e hai veces que é máis importante que a imaxe. Tamén é imprescindible descargar todo o material ddas tarxetas e facer copia de seguridade, para ter o material ben ordenado e non arriscarse a perder nada”.

Esta foi unha sesión moi práctica e dinámica que axudou a esclarecer moitas dúbidas que tiña o alumnado e poder expor mellor o enfoque dos traballos individuais e grupales que terán que presentar ao finalizar o Seminario.