Na sétima sesión do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional impartido por AGARESO, a comunicación para paliar a xitanofobia e a violencia de xénero foron os temas a tratar. Ambos os relatorios, de dúas horas cada un, estiveron repletos de exemplos reais que converteron a sesión nunha contorna de reflexión e de participación dinámica.
Romana e Zaida, da Fundación Secretariado Xitano, empezaron o seu relatorio cunha pregunta básica: Que pensas cando escoitas a palabra “xitano”? E “xitana”? Algunhas das palabras que xurdiron foron “pano”, “comunidade”, “cultura” ou “relixión”. As relatoras explicaron como a asociación de conceptos non funciona igual con “xitano” que con “xitana”. “Esa posición de superioridade de que as mulleres payas brancas estamos en total igualdade cos homes brancos non é verdade”, sinalaron.
Durante a sesión visualizáronse varios exemplos de malas prácticas en televisión e prensa escrita que enmarcaban á etnia xitana sempre coa mesma posición e características. No entanto, tamén se mostraron casos de boa praxe, como a condena que recibiu un veciño de Ourense a realizar un curso de Discriminación por publicar en internet mensaxes de odio cara á etnia xitana.
“A maioría de veces cando nos medios afírmase que unha familia ou unha persoa é xitana facémolo por asociación, porque relacionamos calidades físicas coa etnia xitana. Non hai ningún documento que afirme que sexan xitanos”, afirmaron Romana e Zaida. No entanto, apuntaron que os xornalistas non teñen que saber tratar calquera tema, por iso resultan prácticas as guías para boas prácticas en xitanofobia como a da Xunta ou a que realiza a Fundación Secretariado Xitano.
“Oye Romana, ti como che deches conta que eras paya”?, relata anecdóticamente, “ela [a nena] deuse conta que era xitana no colexio, eu nunca me deu conta de que era paya”, continuou Romana. “Ao final non coñecemos á comunidade xitana. Levamos máis de 600 anos en España e é a minoría da que menos sabemos. Non a estudamos no cole. Sabemos máis dos esquimales que dos xitanos”, sentenciaron.
Tras un breve inciso, a temática da sesión cambiou e empezouse a falar de violencia de xénero, da invisibilización histórica das mulleres e dos avances feministas que se deron nestes últimos anos. Todos estes temas foron introducidos por Llerena Perozo, editora especialista en comunicación e xénero. Actualmente codirige un proxecto de “ecoaldea” no que os talleres de formación ecolóxica veñen vehiculados co “ecofeminismo” como eixo transversal.
“En 4 anos o pensamento feminista estendeuse por todo o planeta, sobre todo polas redes sociais e a comunicación online. Nestes espazos de comunicación non cabe o texto longo, o debate sosegado, o discurso ou as fontes. O que nos mobiliza son as dúas ou tres frases que sintetizan unha idea global”, afirmou Perozo.
Aínda así, quixo lembrar a importancia da construción do relato, de coñecer a historia e saber cales foron os puntos de base para estar onde estamos agora para non caer na redución desas tres frases que nos poden dividir, xa que hai persoas que “aprópianse dos significantes e cámbianlles o significado”.
“Eu veño dunha xeración en que ser feminista tratábase de que tratasen diferente, agora pódelo dicir con orgullo”, empezou a relatar Llerena. “Cando eu recibín acoso sexual no traballo cando tiña 26 anos e pensei en denunciar todo o que recibín eran mensaxes de que non debía facelo porque logo non me ían a contratar. Non tiñamos a protección xurídica e legal. Ao final non denunciei. Eu dependía dese traballo no que me pasei meses recibindo violencia”.
Parte da sesión foi de dedicada a un exercicio que consistía en buscar información sobre mulleres que formaron parte da historia e que raramente son coñecidas, as cales estaban anotadas nunha listaxe que realizou a relatora. A impresión que daban todas elas ao coñecer o seu pasado é que eran “moi modernas” para a época, con pensamentos moi actuais, e que sempre aparecían “á sombra dun home”.
Para acabar a sesión Llerena compartiu tamén algunhas das mulleres xornalistas máis relevantes nacidas despois do 1950. As preguntas, apreciacións e o debate xurdiron rapidamente para completar o últimos dez minutos desta interesante sesión.
Comentarios recentes