“A parte social do xornalismo é dura, precisamente porque debe poñer no centro a denuncia social, pero ademais debe superar o reto de ser fermoso e atractivo para chegar á máis ampla audiencia posible”. Abriu así Antonio Grunfeld, coordinador da sesión, a tarde de mércores que esta semana ocupou o XI Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional. As voces que posteriormente se poñerían en antena, mediante Zoom, foron as de Anna Surinyach, fotoxornalista e editora da Revista 5W, e Mingo Venero, fotógrafo documental e un clásico do noso seminario.
Comezou Surinyach, con forza desde o primeiro minuto. “O fotoxornalismo, como calquera outra rama do xornalismo, debe contar unha historia; as fotos son importantes para complementar ao texto pero tamén deben informar, emocionar e ata sinalar e interpelar a quen a observa por si mesma, sen necesidade de texto ao seu carón”. Así, a relatora, definiu a que é a súa profesión, o seu modo de vida e iniciou a unha charla amena, biográfica pero á vez dominada pola imaxe e o debate sobre ela. Non en balde, xa as primeiras fotografías que mostrou serviron para contrapoñer ideas, sendo a primeira das que saíron á palestra una do histórico reporteiro Don McCullin. A través dela, o alumnado e Surinyach conversaron sobre a cuestión moral de disparar a foto diante de certas situacións en crises humanitarias ou non facelo.
Precisamente nunha desas crises, a da migración no Mediterráneo, a relatora da sesión atopouse con varios conflitos morais internos. Ela definiu esta crise como “a da Unión Europea cos seus valores”. Nos barcos de rescate, Surinyach puido conversar e fotografar a moitos dos migrantes. Un deles, díxolle unha frase que non se lle esquece: “non só tedes que contar o que está a suceder vós, a prensa europea, senón que son eu quen lle quero contar aos meus fillos o que lle pasou ao seu pai e a tantos outros”. Esa conciencia impresionouna.
A relatora contou ao alumnado as súas experiencias e anécdotas de traballo, ademais de facerlles pensar coas súas palabras e as súas fotografías. Defendeu, durante toda a exposición, que a fotografía é básica para a denuncia no presente, pero tamén para a memoria colectiva no futuro, “por iso é importante seguir documentando unha época, unha realidade e uns feitos”. Tal como lle pasou a ela cando se namorou da fotografía, “unha imaxe non sei se vale mil palabras, pero debe xerarlle a quen a observa mil preguntas”.
“Vas acabar pasandote ao audiovisual!”, dicíanlle á relatora no chat. Foi premonitorio, pois Anna pechou a súa parte da sesión presentando #boza, unha curtametraxe que relata como os migrantes se comunican cos seus seres queridos a través da foto e do vídeo. “Foi unha maneira de cambiar o meu modo de traballo, algo moi enriquecedor, xa que penso que ás veces o audiovisual é máis adecuado que a foto ou o texto”. Acto seguido, pulsou o play do trailer de #boza, que o alumnado gozou en exclusiva. “Oxalá algún día a miña próxima sesión neste Seminario poida ser en persoa!”, concluíu a relatora.
“A fotografía veu a min, como linguaxe, medio de expresión… E como escusa para viaxar e coñecer mundo”. Comezou Mingo Venero o seu tempo descubríndose, ensinando os motivos que o levaron a poñerse a cámara ao pescozo. “Ao principio empecei utilizando a ferramenta da fotografía como unha afección, ata que, logo de atoparme cuns nenos na rúa e sacarlles unhas fotos, vin que existía unha reflexión tras esas imaxes que falaba da sociedade, da realidade cotiá”. Recoñece que lle dá pena que hoxe, a pesar de que o primeiro sexan os dereitos dos menores, non se poida fotografar “esa espontaneidade, esa inocencia dos nenos”.
Desde momentos cotiáns ata a verdadeira acción, Venero subliñou observando e compartindo as súas imaxes “a importancia de entender e empatizar”. Sen facelo, vai ser moi difícil que o noso traballo como profesionais ou principiantes da fotografía teña un calado social, máis aló dunha imaxe ben composta ou coa luz adecuada. “Poden ser boas oportunidades os traballos coas organizacións sen ánimo de lucro, que permiten viaxar e coñecer outras realidades”, aínda que Mingo é dos que pensa que na proximidade tamén hai moito por facer.
Deste xeito, con este tipo de consellos, o relator repasou o seu porfolio, falando tanto sobre conceptos teóricos sobre como “batallitas” propias do traballo en terreo. Da man de Mingo Venero, o alumnado viaxou a Uruguai ou a Bolivia, onde o fotógrafo cántabro retratou as minas de Potosí. A continuación, foi mostrado unha curta documental realizado polo propio relator e centrado nese lugar e sobre todo nas súas xentes, case coma se dun documental etnográfico se tratase. “Unha reportaxe como esta serve para contar a historia dos mineiros, e a pesares de ser un produto audiovisual, recolle os valores e modos de traballo da miña fotografía documental”. Chanceou tamén Mingo, puntualizando que “é importante dicirlles que non es un turista”.
Abriuse a veda do pragmatismo cando, desde o chat, comezaron a lanzarlle a Mingo preguntas sobre financiamento. O relator recomendoulles traballar, crear e ampliar un porfolio propio. “Fun formándome, a pequena escala, con cursos e seminarios de aquí e de alá, ata que chegaron as primeiras bolsas para avanzar nos meus proxectos”. En canto á creación dun porfolio, para Venero “o mellor porfolio son fotos soltas, nunha web, pero tamén ter un cartafol con algo físico, que deben ser mostradas aos ollos correctos para que máis tarde, esas fotos, podan traducirse en proxectos remunerados e contratos”. “Serei antigo, pero ter a foto en papel, para min, é fundamental”. Mingo tomou forma de gurú, respondendo a esas e outras preguntas, dende, por exemplo, os métodos de abordar a un descoñecido para fotografalo ata explicar o que debe conter unha mochila para facer unha boa reportaxe fotográfica.
Comentarios recentes