Unha mítica do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional ocupou hoxe a primeira parte desta sexta sesión da undécima edición. Llerena Perozo levou hoxe a primeira das batutas, poñendo no centro do taboleiro o feminismo. E, máis concretamente, o ecofeminismo, a súa corrente predilecta. “O feminismo é… Segundo a miña idea, é o movemento político, a corrente filosófica, que busca a igualdade entre homes e mulleres”.
Perozo, nada máis comezar, fixo referencia ao asunto de sexo biolóxico, sobre o cal definiu o concepto do xénero, “unha construción social e cultural” que marca os roles das mulleres e dos homes nas súas vidas. O ecofeminismo, pola súa banda, “non é un feminismo ecoloxista nin un ecoloxismo feminista”, trátase de entender que o ser humano é parte da natureza, sen poñer por encima á especie humana do resto de especies. “Eu quero que dentro da miña especie, a humana, exista a igualdade, e esa mesma igualdade quéroa entre as especies”.
Isto levou ao seguinte tema de conversación, que xerou debate no chat en liña. “O discurso ecoloxista actual, xerado polo capitalismo, é miope, pois non ten en conta as trampas do ‘eco-friendly’ e ademais responsabiliza á persoa individual, que é unha parte minúscula de todo o conxunto se temos en conta ás grandes empresas”, sinalou a relatora.
Volvendo ao comezo, a esa confrontación por quen é ou quen pode ser o suxeito feminista, Perozo fixo alusión á crispación que reina sobre os debates feministas nos últimos meses. “O discurso que se crea desde o enfado está a funcionar moito en redes, ten orixe nunha especie de maniqueísmo e realmente exclúe a quen quere aprender: a nosa fórmula debe ser a de conciliar e a de divulgar, non a de dar paus ás que non pensan como nós, como fai o patriarcado”
“O debate feminista non pode ser ‘ou me queres ou me odias, ou comigo ou contra min’, debemos entendernos para continuar avanzando”. E iso é precisamente o que conseguiu levar á práctica Llerena Perozo, pois logo isto plasmouse e desenvolveuse no debate que ocupou a parte final da súa sesión. Un debate de ideas abriuse paso, ocupando como asunto central a presenza do colectivo trans dentro do feminismo. Por fin, fóra de Twitter, as diferentes posturas foron capaces de achegar visións e limar asperezas nun debate necesario para a sociedade, aínda que sempre dentro dos puntos de vista propios que cada persoa posúe. “Leveime paus de ambos os lados precisamente por quedarme no medio e tentar debater”, chanceou a relatora, a modo de peche.
Na segunda parte da sesión, logo da experiencia de Llerena Perozo, tivo lugar un debut no Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional. Foi o de Gael Martins, activista trans non-binarie e transfeminista, que ocupou o seu tempo falando sobre a situación do colectivo trans na actualidade. A través do seu relatorio, o alumnado puido acceder a unha nova visión, inédita no Seminario ata esta undécima edición.
O relatorio comezou repasando os conceptos básicos dentro deste terreo. Un dos que máis tempo ocupou no relatorio de Martins foi o de passing, segundo o cal as persoas son lidas segundo o seu xénero. “Por exemplo, un mozo trans ten passing cando é lido de primeiras como mozo cis, por tanto, alguén de xénero masculino”. Pero saíron moitos outros termos, tales como disforia, TERF, etc. Con esa base conceptual, Martins sentou as bases para o resto do seu relatorio.
A linguaxe é, dentro do tema que vén tratar Gael Martins, unha das claves actualmente. Martins falou de inclusividade, e achegou recomendacións ao alumnado para puír a súa forma de abordar o asunto. “O que buscamos, ao final, é comunicar diferente para vivir mellor, nunha comunidade na que todes sintamos representades”, e esa é precisamente una das funcións que debe ter a comunicación social no próximos anos.
O faladoiro posterior á charla de Martins estendeuse saltando entre pregunta e pregunta, moitas delas interesantes. Temas próximos, como a problemática dos papeis de persoas trans no audiovisual, que en moitas series se. “Antes tiñamos persoas cis facendo de persoas trans, agora temos persoas trans facendo de persoas trans e nun futuro, se todo vai ben teremos persoas trans facendo de persoas”, comentou Martins sobre este punto.
Outro dos puntos importantes, tal e como o definiu Martins, foi o de “normalizar a diversidade”. Destacou, en canto á educación da infancia, que é importante que se habitúen a preguntar “os pronomes que emprega cada persoa e insistir no respecto por todas elas”. Deste xeito, expuxo Martins, “moitos nenes poderanse sentir mellor á hora de identificarse como sentan máis comodes”.
En todo momento, os debates que tiveron lugar logo das charlas de Perozo e Martins, foron feitos desde o respecto e a confrontación educada de ideas. Toda unha demostración de que se pode discrepar e discutir sen gritar. Mesmo, nalgúns casos, pódese chegar a puntos en común, que tamén existen.
Comentarios recentes