Logo de que Agareso tivese, a través de Rocío Cadahía e Antonio Grunfeld, a súa sesión neste XI Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional, chegou o momento da Asemblea de Cooperación pola Paz, organizadora tamén do seminario. Alejandro Quiñoá, en primeiro termo, e Raquel López, cando deu comezo a segunda parte da sesión, foron as voces de ACPP na aula da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC onde se celebran os relatorios.

A primeira hora da sesión estivo dedicada a facer un repaso pola historia da cooperación, de xeito que os comunicadores e comunicadoras se familiarizasen con ela e tamén para que os e as interesadas en desenvolvemento refrescasen a súa memoria. Asemade, a exposición de Alejandro Quiñoá, delegado de ACPP Galicia, intentou sinalar as décadas de esquecemento a escala mundial que padeceron os países empobrecidos, illados de todos os postos de responsabilidade na maioría das grandes organizacións internacionais, dende o Fondo Monetario Internacional ata o Banco Mundial.

Dentro do seu relatorio, Quiñoá subliñou a importancia dos anos noventa do século XX para a cooperación a nivel mundial. “Foron anos marcados polos movementos sociais, sendo o predominante en España o chamado ‘Movemento 0’7%’, que solicitaba un aumento da partida pública gobernamental dedicada á cooperación ata o 0’7% do PIB”. Na época sentiuse a forza do Movemento en todo o Estado, “dende Madrid a Monforte de Lemos ou Verín, a xente mobilizouse”.

Alejandro Quiñoá quixo mencionar tamén, e así abrir un debate que quedaría latente ata o final do relatorio, a súa visión sobre o papel que teñen hoxe as organizacións como ACPP. “Penso que o de ‘non gobernamental’ é un erro”, sinalou o cooperante, para logo achegar a súa visión: “as ONGD cobren accións que deberan facer os gobernos, mentres que as Organizacións Sen Fins de Lucro realizan as que deberan facer máis ben as empresas, pero elas sempre buscan os beneficios, como é de agardar”.

Tocou o relator tamén unha parte máis práctica da súa materia, ao amosar a realidade do sistema e expoñer o que aporta cada país á cooperación dende os seus orzamentos públicos. Queda claro que son poucos os que lograron ese 0’7% que solicitaba nos noventa un sector importante da poboación, e España non é un deles. Así, Quiñoá puxo sobre a mesa o problema de financiamento co que normalmente as ONGD deben loitar. Isto xerou polémica, pois foi aberto un debate sobre a credibilidade das organizacións na actualidade no relativo á recadación de fondos directamente dende os petos da cidadanía.

A segunda parte do relatorio, logo do descanso, deu comezo co visionado do documental En deuda con todas, froito da colaboración entre ACPP e Agareso en El Salvador. “As oenegués, traballando sobre o terreo, son importantes á hora de sacar á luz realidades silenciadas”, subliñou Alejandro Quiñoá, facendo fincapé en que, con este documental, “intentamos ser capaces de chegar a toda a sociedade, non só a públicos especializados que o poden ver en ambientes concretos, como os festivais”.

Logo desta valoración do delegado galego de ACPP, toma a palabra Raquel López, integrante tamén desta organización, que foi a encargada de presentar o documental En deuda con todas. “Este documental busca dar voz ás mulleres que loitan polos seus dereitos en El Salvador, ademais de sinalar as problemáticas ás que deben facer fronte no seu día a día”. Unha parte moi importante do mesmo está adicada á loita polo dereito ao aborto, altamente penado no país centroamericano. O filme está dispoñible en YouTube.

Quedou tempo para que Raquel López, despois de ver a película e comentala, fixese co alumnado unha pequena dinámica de grupo, consistente en que estes respondesen con ‘verdadeiro ou falso’ a determinadas afirmacións que López lles ía expoñendo. Deste xeito, a técnico de ACPP fixo pensar ao grupo e achegoulles información sobre temas que descoñecían, como o estado legal do aborto en Sudáfrica ou a porcentaxe de embarazos consentidos a nivel mundial. Unha sesión tan completa como ben aproveitada polo alumnado.