Cunha animada conversación entre relatora e organización sobre “en que andas metida agora”, que sorprendeu ao alumnado do XI Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional, comezou a sesión de hoxe, que se realizou telemáticamente. Era unha data especial, visitábanos Gabriela Sánchez, antiga integrante de Agareso e xornalista de eldiario.es centrada en Dereitos Humanos a través da sección Desalambre. Debe a súa vocación, precisamente, a Juan de Sola, insigne “agaresiano” e o seu mentor cando fixo prácticas na radio, alá polos seus inicios: “con él comecei a descubrir o interese polo xornalismo social, porque vin que era posible facelo, a pesar de que todo o mundo me dicía que non tiña saída”. 

Dado un repaso á súa traxectoria profesional, Sánchez entrou en materia expoñendo as orixes de Desalambre, un blog xornalístico enfocado en Dereitos Humanos que terminou converténdose nunha sección dun xornal con presenza en todo o Estado como é  eldiario.es. “En 2013, cando arrincamos a aventura, era habitual a linguaxe estigmatizante nos titulares ao falar de temas de migración, por exemplo; por iso cremos importante a existencia desta sección, que é capaz de abordar os temas sociais sen que a actualidade os coma, pois non adoitan estar en axenda”.

Contar a realidade, contala bonita e contala ben, é un do puntos cos que Gabriela Sánchez comezou a súa exposición. Este modo de traballo garante o cumprimento do fin social do xornalismo: “o noso obxectivo é que estes temas interesen facendo unha información seria, rigorosa e atractiva, creando un impacto social”. A longo prazo, iso debe acabar configurando unha axenda propia, que sirva como escudo diante dos grandes temas da axenda xeneralista e asegure que as cuestións sociais teñan sempre oco nos medios de comunicación de masas. Para conformala, “requírense fontes de confianza e tamén aproveitar as oportunidades que se xeran cos picos de interese que a opinión pública ten sobre un tema concreto de modo temporal, pois axuda a asentar as temáticas sociais nas grandes cabeceiras”.

“Ao final, o obxectivo do xornalista social é xerar un cambio na sociedade, unha mellora, aínda que os profesionais da información non sexamos activistas”, expuxo Sánchez, que quixo deixar clara, ademais, a diferenza entre o xornalista e o activista: “nós rexémonos pola honestidade e os feitos, aínda que iso non quita de que haxa alianzas entre xornalistas e activistas”.

No tocante aos protagonistas dos feitos xornalísticos, a relatora insistiu na necesidade de “tratalos como suxeitos de dereito, non estigmatizalos como vítimas pois, se é posible, son eles ou elas quen deben contar a súa historia e efectuar así a súa propia demanda social”. Relacionado con este tema, o de achegar desde a tinta a dignidade que os nosos protagonistas merecen, a relatora apuntou a necesidade dun xornalismo contextualizado, que garanta que “non se chore cunha reportaxe porque os seus suxeitos nos dan pena, senón que a reportaxe busque solucións e culpables, co fin de pedirlles responsabilidades”.

Sánchez resolveu dúbidas sobre o día a día no seu posto, desde asuntos internos do medio, como reunións de contido ou o propio organigrama seccional de eldiario.es, ata asuntos puramente xornalísticos, como conflitos que poden aparecer cos titulares ou os xéneros elixidos. Destacou, nesta liña, a importancia das pezas pequenas, pois “aínda que nos guste moito facer grandes reportaxes, en moitas ocasións chega mellor ao público algo máis conciso e que concentre o realmente fundamental: unha simple pero completa noticia”.

A relatora fixo fincapé na cuestión das fontes, poñendo de relevo que estas deben ser plurais e contrastadas, como en calquera caso. “Agora ben, no noso terreo, é moi importante non contar soamente coas fontes oficiais”, comentou a nosa invitada. “ É por iso, segundo dixo Sánchez, que o coidar ás fontes persoais e saírse dos documentos oficiais pode marcar a diferenza entre unha información de calidade e con valor engadido e unha simple publicación xeneralista.

A relatora compartiu anécdotas, vivencias do oficio, que serviron para exemplificar a primeira parte da sesión, máis teórica. Casos prácticos, nos que ela mesma era a protagonista, e que se sitúan en espazos que hoxe son focos de interese xornalístico como as Illas Canarias. Deste xeito, Gabriela Sánchez explicou a investigación que hai detrás dunha noticia de onte mesmo, publicada por ela en eldiario.es, sobre unha nena migrante recentemente falecida cuxa nai estaba nun campamento policial cando a menor encontrábase na UCI. Ademais, lembrou outras situacións que tivo que afrontar ao longo dos seus anos en Desalambre, como polémicas sobre devolucións en quente ou presións, que lle chegaron ata por parte dalgúns lectores cando fixo unha información que deixaba en mal lugar ao anterior goberno de PSOE.

Na parte final do relatorio, Sánchez quixo dar pautas para as oenegués no seu obxectivo para chegar a ser visibles nos medios: “eu sempre recomendo que os activistas ou os colectivos específicos se relacionen cos xornalistas concretos que están interesados nos mesmos temas que eles, desde as organizacións, tratan”. As relacións entre activistas e xornalistas, subliñou nosa protagonista de hoxe, deben ser fluídas, pois benefician a ambas as partes no seu obxectivo de lograr un cambio e unha melloría na convivencia social.