Onte, 3 de marzo, deu comezo o XI Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional que AGARESO leva a cabo da man da Asemblea de Cooperación pola Paz(ACPP). Se o ano pasado o contexto pandémico obrigou a realizar case todo o Seminario só por videoconferencia, este ano a grande novidade é a combinación entre a presencialidade e a emisión en streaming. Deste xeito dáse a posibilidade de que alumnas e alumnos poidan seguir as sesións dende as súas casas.
O decano da facultade, Jose Ramón Pousa, deu a benvida a esta nova edición. Rocío Cadahía, presidenta de AGARESO, continuou coa presentación explicando as liñas nas que traballa a organización utilizando diferentes ferramentas comunicativas, e da grande importancia que estas teñen para incidir na xustiza social. Raquel López, representando á Asemblea de Cooperación pola Paz, destacou que a comunicación “pode ter unha labor de altofalante de realidades que doutra maneira estarían silenciadas”. Antonio Grunfeld, membro de AGARESO e quen coordina o Seminario, achegou os contidos deste e introduciu ás persoas convidadas este ano. A primeira parte desta xornada rematou coa visualización do corto documental Tras la valla, realizado por ex-estudantes do Seminario na súa viaxe a Marrocos, e que foi presentado por un deles, Andrés Vázquez.
O tema do día foron as radios comunitarias, para o que se contou cun experto no tema: Juan de Sola. Ademais de ser o ideólogo e fundador de AGARESO, é un xornalista especializado nos Dereitos Humanos e na comunicación para o desenvolvemento. “A radio comunitaria é unha canle que se pon ao servizo dun proxecto social, ou dunha comunidade”, introduciu Juan de Sola. Botou a ollada a América Latina para dar a coñecer a Asociación Mundial de Radios Comunitarias de América Latina e o Caribe (AMARC ALC). Destacou positivamente a visión en rede coa que alí se traballa, e que se sostén por tres motivos: pola comprensión de que así se pode exercer unha maior forza para calquera presión política; para poder partillar recursos; e pola existencia dunha cultura comunitaria que se sigue conservando. “Ao final, os problemas como sociedade, resólvense en colectivo”.
A palestra continuou a través dunha videoconferencia grupal, á cal estaban conectadas e conectados Óscar Pérez, coordinador rexional de AMARC ALC dende San Salvador; Mónica Valdés, vicepresidenta de AMARC dende Bogotá; e Manuel Vicente, un dos fundadores de Radio Jornalera dende Pasadena.
“As radios comunitarias viviron o que as persoas viviron e sufriron. As radios comunitarias son parte das comunidades, responden ás súas necesidades e sofren as súas problemáticas”. Óscar Pérez relataba así de que xeito as radios comunitarias se viron afectadas pola pandemia do COVID, e a necesaria función que cumpriron e cumpren tamén neste contexto. Por exemplo, desenvolvendo campañas de información para enfrontar o virus e a corentena, ou desmentindo falacias en torno a isto. Pero tamén denuncian a pouca transparencia dos estados sobre o gasto público, ou a violación de Dereitos Humanos aproveitando esta conxuntura. “A radio comunitaria non só informa, busca tamén desenvolver procesos de comunicación”.
Mónica Valdés levou a cabo unha presentación sobre o movemento feminista e a radio comunitaria en América Latina e o Caribe. Segundo a vicepresidenta de AMARC, existen grandes focos territoriais que se están preocupando tanto por xerar contido nas radios comunitarias que inclúan problemáticas y temas de interese para as mulleres e a comunidade LGTBI; como por implicarse transversalmente no medio e na sociedade. Sen isto último, non pode ser transformador. Parafraseando ás conclusións do Encontro de Radialistas Feministas de Arxentina que se celebrara en Mar de Plata, Mónica Valdés expresou enerxicamente que “os feminismos teñen que soar”. Isto implica non só á locución, se non a todos os roles.
A experiencia que pechou a xornada de onte foi a de Radio Jornalera. Saiu á luz o 1 de maio de 2018, coa intención de crear unha rede de medios de comunicación xornaleiros para traballadoras e traballadores migrantes que chegan a EEUU, aínda que tamén se involucran noutras loitas. O seu lema é unha declaración de intencións: “dende abaixo deféndese a todo mundo”. Manuel Vicente explicou que esta iniciativa naceu da necesidade de ter un espazo e unha rede para as persoas migrantes, quen se ven expostas a moitos abusos por parte dos empleadores, así como a ser obxecto de discursos de odio. “Cando a comunidade se organiza pode xerar cambios, e cando está informada ten outras ferramentas”, expresou Manuel Vicente.
Comentarios recentes